Octubre 2010 067

Xabier Liz con Leopoldo Nóvoa no estudio de este. Outubro 2010. Foto Paco Yáñez.

Contemplar un cadro pode transformarse en contemplar unha paixase que nos trae recordos lonxanos. Cando ollamos a obra de Xabier Liz podemos sentir a profundidade das súas creacións cheas dun carácter escultórico que as alonxan das tradicionais dúas dimensións pictóricas.

O artista  compostelán sempre recoñece a enorme débeda estilística que contraxo co pintor e escultor Leopoldo Nóvoa, cuxa influenza non só se recoñece nos materiais, senón tamén nas estructuras das que emerxen estas obras orgánicas de infinitos matices.

Son as cinzas e a pedra pómez as pinturas que emprega envolvendo ditas estructuras que se proxectan en maior ou menor medida cara os nosos ollos, invadindo a realidade desde a obra que xurde  dende a parede que a acolle.

Madeira, tecidos e metais enredados en ferruxe dotan de cores naturais e recoñecibles uns cadros que segundo o pintor habitan nos espazos máis próximos a nós. Poderíamos pensar que estas abstraccións son meras disposicións de materias e engrudos, mais recrean o mesmo que a pintura realista tenta captar, a realidade do mundo das emocións, dos recordos e das ideas.

Nada hai tan próximo e familiar como as emocións que sentimos, retratadas por Liz do mesmo xeito que as artellamos a cada instante. Pode que a arte abstracta sexa aínda máis próxima a nós, segundo esta idea, do que unha paisaxe ou calquera representación do mundo externo, xa que esa abstracción habita en cada un de nós.

A procura da cor móvese en ocasións en matices moi delicados, en diferentes grans das superficies que poden pulimentarse de moitos xeitos. Son horas de traballo no estudio que precisan de tempo de repouso, tanto polos materiais en si mesmos como polo proceso creativo que os configuran.

  1. A pesar da simplicidade dos materiais, os resultados categorizan o tempo no que vivimos fuxindo do evidente.

Unha natureza independente son os papelines, pequenas superficies cheas de volumes e intensidades que resumen en grande medida a obra de maior dimensión, empregando as mesmas materias pero configurándoos dun xeito máis lixeiro.

Ademais da pintura sobre tea, eso si, teas estiradas e forzadas en posturas volumétricas, as pinturas sobre táboa están sendo na actual etapa do pintor o seu foco de traballo. Pequenas táboas que recollen unha condensación de materiais traballados cunha temporalidade independente. Pequenas contencións de emocións que centran o noso ollar nada máis velas.

.

Xabier Liz / Obra