Primeiro a materia? A idea? A poesía? Podo desligalas nun quefacer auténtico e vinculado ao social? A nosa interioridade está conectada co momento socio-político, coa identidade sexual, de clase, de raza, económica, relixiosa, territorial…Os mitos, o tempo, a caducidade, a relación que establecemos cos demais e coa contorna, o eu feminino, as desigualdades, a utilización que facemos dos nosos coñecementos e calquera outro tema que requira crítica ou autocrítica, son constantes do meu traballo.

O meu traballo vaise artellando en series abertas e interconectadas, acompañadas de textos poéticos Coso a cerámica con fíos, tules, cordas, arames, teas e, en técnica mixta, vou incorporando máis materiais que poidan aglutinar e embelecer, con intención polisémica e lecturas abertas. As miñas pezas non son amables, aínda que hai una búsqueda de harmonía, estética e beleza.

Investigo como ocupan o espazo, como se relacionan e como se comunican co espectador por medio da descontextualización de elementos cotidiás ou/e reciclados, de símbolos e iconas facilmente recoñecibles, tendendo pontes na historia para repensar o presente.