Tramas caligráficas e palabras tecidas: o texto é, simultaneamente, material e concepto na miña obra. A orixe latina da palabra texto (‘trama’, ‘tecido’) sostén a miña creación artística, que se serve de palabras bordadas, repetidas, definidas, superpostas, tachadas, borradas.
Recuperando o quefacer artístico e activista das pioneiras feministas, pinto bordando e bordo pintando. Bordo con fío, con lá, con carbón. Bordo sobre papel e tea con letras dixitais, formo imaxes a partir dunha mestura informática de trama e urdido. Creo esculturas brandas con recheos bastos e puntadas brutas, irregulares, desenfadadas. Ideo formas cónicas, siluetas punzantes que, curiosamente, tentan curar feridas históricas.
Formo, como o facían as invertebradas de Bourgeois, teas asfixiantes, rebeldes, indisciplinadas.
O tecer e o fiar, actividades tradicionalmente vinculadas coas mulleres pero tamén co máxico, sérvenme para achegarme a diferentes conceptos desde o obradoiro, para somerxerme e investigar no meu inventario familiar, para cuestionar estereotipos e tomar posición.