O pasado mes de Xuño, déronse a coñecer os gañadores da edición 2021 de Novos Valores, entre os que está a artista Rebeca Lar.

 

Sen título (sobre paseos e arrepentimentos) é unha pintura que, reflexionando sobre a paisaxe, aborda tres cuestións: os conceptos de arrepentimento e paseo e a idea do proceso artístico. Sobre este último punto, é importante comentar que a forma de presentar o proxecto tenta imitar o taller da artista, o lugar do inconcluso, do mutable, do provisional, do ininterrompido, do transitorio… Velaí que (sobre todo na peza da parte inferior) se vexa a madeira do bastidor, as grampas, a tea dobrada e a imaxe borrosa e inacabada.

O marco teórico da peza queda plasmado coas definicións recollidas na instalación pictórica, e garda relación coas investigacións que estou a desenvolver neste momento, vinculadas con temáticas de memoria histórica. E é aquí precisamente onde se mesturan os dous focos da pintura: xa que a memoria histórica é un terreo pantanoso, non exento de polémicas de diferentes dimensións (mesmo cando se abordan desde a práctica artística), quixen establecer un xogo conceptual coa figura do arrepentimento, ese proceso que aparece unha e outra vez na historia da arte como unha sorte de corrección das pinturas que é visible no resultado definitivo.

Efectivamente, o meu xogo implica o erro e, ao darlle a volta ao bastidor e amosar as súas feridas, fai do arrepentimento ou corrección o motivo principal da composición. O xogo faise patente na introdución dun grupo de miniaturas herdadas, unhas figuriñas bélicas de plástico coas que meu irmán combatía de pequeno, organizando trincheiras, escuadróns e ofensivas nun descampado que, tal vez, fora escenario dalgún fusilamento real na primeira metade do século pasado.

Con todos estes elementos, trato de establecer un paralelismo entre a idea de arrepentirse, co significado de ‘ter un sentimento de pesar por algo que se fixo ou se deixou de facer’, e a de dar o paseo, ‘levar unha persoa pola forza, durante a guerra civil española de 1936, para despois fusilala’. Trátase, en definitiva, dunha reflexión pictórica sobre os lugares que habitamos e, sobre todo, sobre aqueles que pisamos cada día.

 

Descobre a obra de Rebeca Lar