“se semanas apilas alí pasan a meses” de Abe Rábade, fotografía dixital impresa en papel canson mate s/pvc, medidas aprox, Din A3 mais marxe con texto.

250,00

Obra única, asinada e certificada polo autor.

DISPOÑIBLE

Sobre a obra

Na Fronteira do Espello _ abe rábade
conversas da imaxe co reflexo das palabras

Na Fronteira do Espello é unha exposición que consta de 19 imaxes fotográficas asociadas a cadanseu palíndromo. A intención ao asocialas é a de provocar un diálogo entre a elocuencia dunha imaxe e un texto en espello que introduce o humor, unha descrición ou un elemento contrapuntístico na conversa. Das 19 pezas, 17 teñen un texto en galego e 2 un texto en inglés.

Foi inaugurada n´Os Catro Gatos, de Compostela en Febreiro de 2018.

“ O alimento do humor e do amor é a sorpresa. Un día a miña filla Helena preguntoume:
” Papá! Os minutos van para adiante ou para atrás? ” ; Aquel día recordei que o tempo se pode parar coas mellores preguntas: as que non precisan resposta.
Que haberá na Fronteira do Espello? Que haberá no pequeno grosor dun vidro que terma da porta entre os nosos ollos e os ollos que os nosos ollos ven de volta? Non o sei, pero se cadra alí está o refuxio… a liña mediadora entre dúas forzas que pelexan por nós a miúdo: o animal que habitamos, incapaz de se ver por dentro e a visión externa dunha imaxe proxectada que disque somos nós…
A fronteira tén unha voz feble, pero sabia. Imaxínoa sempre na busca dun posible sentido: rastreando olores, balanceándose nun columpio feito de fíos dos que tira, dando a seguinte brazada nos remuíños dun río para seguir a flote, bicando para traducir entre dúas linguas… Na Fronteira do Espello non se debe ter que escoller se os minutos van para adiante ou para atrás, para sentir con todo o tempo do mundo, caladiños no refuxio, a liberdade de non sabelo. “
(texto orixinal de Abe Rábade para a inauguración de Na Fronteira do Espello)