Na obra de Manuel Nietto pódese apreciar, de entrada, un afanoso interese pola pintura, pola súa practica, e a pertinaz loita por atopar ese matiz que permanece oculto. Seica pareza dialéctica banal, pero cando toma en exemplo da historia da arte, como exercicio (mais que exercicio), e fai del un pretexto para chegar á praxe da pintura, está a manifestar, non só que sabe ver, senón que é capaz de chegar a un sinal persoal, co mérito, engadido, de quen pinta por instinto natural. Manuel Neto, achégase sen ruído, co sorriso matizado na súa paleta, para encher o plano de manchas cromáticas que debuxan densidade, coa recreación matizada da analoxía da cor; talvez, o seu mellor pronunciamento. Nas súas obras pode apreciarse a limpidez tonal nos matices que adornan a súa pintura, que con laboriosa cadencia, vai construíndo, en pinceladas debulladas, unha a unha, solidarias e consecuentes, o rastro perfecto dunha obra, quizá, nunca terminada, pero co atractivo de quen é capaz de seducir desde o seu interior: apreciar e mirar, con fruición e deleite, o cal é, sempre, de agradecer.

Manuel Quintana Martelo.