A mostra de escultura en cerámica “muller” tenta simbolizar os camiños trillados da sociedade e as oportunidades que moitas veces suscitan. Mulleres desprovistas de calquera adorno, sen cabelo e con poucos trazos de diferenciación sexual intentan fuxir dos roles de xénero construídos socialmente e que nos encarceran a todos en categorías inxustas e desiguais. Roles que como construcións sociais poden ser destruídos ou transformados por nós mesmos. Preservar os coñecementos adquiridos durante séculos, levantados sobre o tacto, gusto, sabores… en ámbitos íntimos moi feminizados, conquistar a vista, o sentido máis público e intelectual, reservado en gran parte tradicionalmente ós homes. Transformar os obxectos cotiás: froiteiros, verduleiros, cocteleiras, paneiras en obxectos artísticos con novas posibilidades. Partes do corpo humano codificados durante séculos fragmentados e repetidos como o noso interior en combinación con textos constitúen a terra da exposición. É unha iniciativa que pretende rescatar o máis fermoso de ser muller empodeirandonos na nosa creatividade e capacidade de reflexión. Para crear mundos diferentes pero igualmente nosos.
A Autora da mostra Carmen Cabaneiro é unha artista multidisciplinar que une ó seu quefacer artístico ó pensamento. Profesora de Filosofía dende hai décadas non podería comprender a vida sen o seu traballo no taller de escultura e pintura en Castro de Rei, no centro da Terra Chá (Lugo) . Namorada da natureza ten a enorme fortuna de vivir en continuo contacto con ela e iso se traduce na súa obra.
Estudou nas escolas de Artes “Mestre Mateo” de Santiago e “Ramón Falcón” de Lugo. Seleccionada na XXXIV Escola libre de Sargadelos e experiencias artísticas estivais.(2005) e en feiras internacionais como a Bienal de Vilanova da Cerveira e a do Avante en Lisboa.
Ten un Master en Arte Contemporáneo, Crítica e Museoloxía da Universidade de Santiago e foi co-fundadora do Grupo Outro, grupo de 39 artistas de dez países (2005) e do Grupo 2065 en 2010.
Realizou numerosas exposicións individuais e colectivas, nacionais e internacionais (Portugal, París, Bruselas, Milán, Viena, Florida, Beijing, Hong kong… ).
 “Desandar os pasos recibidos culturalmente, esa maraña de símbolos que nos envolve dende a infancia e nos leva a interpretar sempre nun mesmo sentido a vida. Crear pequenos espazos de liberdade creativa que nos ofrezan outras perspectivas ás cales asomarnos para vivir cada latexo e cada paisaxe. Fuxir das prisións impostas socialmente: muller/home, ben/mal, relixiosos/ateos, dereitas /esquerdas… para recrear símbolos que dan serenidade e paz neste marabilloso mundo diverso.
Precisamos habitar Cosmos e non Caos como xa nos lembraban os antigos pitagóricos, unha necesidade humana como tamén a é a de nomear e poñer límites, outorgar significados, delimitar distintas dimensións que inevitablemente interactuan pois é condición do coñecemento humano que o fagan. Mapas insatisfactorios que nos fan indagar novos lugares dentro do territorio convertendo o desacougo en nova liña de investigación, en novo espazo para xogar nun presente elástico, sempre un pouco fuxitivo.”
Carmen Cabaneiro