Camilo Rodríguez Vidal (Seira, 1974). Coñecido no eido da arte como Camilo Seira é un escultor, entallador e pintor galego. Empezou nos anos 90 como aprendiz e axudante no taller do escultor compostelán Fernando García Blanco. Graduouse en Artes Aplicadas, na especialidade de Técnicas de Volume, na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos Mestre Mateo de Santiago de Compostela. Licenciouse en Belas Artes pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Entre os anos 2004 e 2006 exerce como profesor de escultura na Escola de Canteiros de Poio. Ten paixón e unha especial sensibilidade pola natureza e os animais, este sentimento aparece plasmado de forma patente na súa obra.

Nacín en Compostela en 1977.
Son pianista e compositor, pero adoro todas as formas de expresión artística. Penso que a fronteira entre as artes debe ser constantemente atravesada en idas e vidas, porque nesas viaxes arriscadas reside en grande medida a posibilidade da evolución creativa.

Fixen dúas exposicións fotográficas: Covas de Luz, en 2015 (itinerou por salas de Vigo, O Grove, Compostela, A Coruña e Barcelona) e Na Fronteira do Espello, en 2018 (inaugurada n´Os Catro Gatos, en Compostela).
Desde 2018 estou elaborando o proxecto de VideoArte Cinco Esencias, do que levo feitas dúas entregas: AUGA (2018) e AIRE (2020).

Foto: Xacobe Meléndrez Fassbender.

Alejandra Pardo Martínez (Santiago de Compostela, 1997) é artista plástica, graduada en Belas Artes pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra en 2019, e durante os seus estudos realizou unha estancia na Kingston School of Art (Londres, Reino Unido). Participou en diversas mostras colectivas e en residencias artísticas coma o Curso de Pintores Pensionados del Palacio de Quintanar. A súa obra está centrada na pintura e o debuxo.

No seu proxecto principal, “Avísame cando chegues a casa”, reflexiona sobre como o espazo urbano pode ser unha extensión da desigualdade entre xéneros que existe noutros ámbitos da vida, entre outros motivos, pola inseguridade que crea nas mulleres o feito de atoparse soas de noite fóra da casa, expoñéndose a ser obxecto de violencia, limitando así a súa mobilidade, liberdade e calidade de vida.

Tamén realizou e segue a traballar noutros proxectos artísticos, sempre centrados na paisaxe, urbana ou natural, e no deseño do espazo.