Alejandra Pardo Martínez (Santiago de Compostela, 1997) é artista plástica, graduada en Belas Artes pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra en 2019, e durante os seus estudos realizou unha estancia na Kingston School of Art (Londres, Reino Unido). Participou en diversas mostras colectivas e en residencias artísticas coma o Curso de Pintores Pensionados del Palacio de Quintanar. A súa obra está centrada na pintura e o debuxo.

No seu proxecto principal, “Avísame cando chegues a casa”, reflexiona sobre como o espazo urbano pode ser unha extensión da desigualdade entre xéneros que existe noutros ámbitos da vida, entre outros motivos, pola inseguridade que crea nas mulleres o feito de atoparse soas de noite fóra da casa, expoñéndose a ser obxecto de violencia, limitando así a súa mobilidade, liberdade e calidade de vida.

Tamén realizou e segue a traballar noutros proxectos artísticos, sempre centrados na paisaxe, urbana ou natural, e no deseño do espazo.